A cita foi presentada polo alcalde Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e os membros da Asociación Cabaleiros do Xunco, Julián Otero e Óscar Otero, que organiza o evento, en colaboración co Concello de Cervo.
A concentración de xinetes será ás 10:30 horas no Polígono de Cuíña; e dende alí os participantes comezarán a ruta duns 20 quilómetros e unhas 2 horas de duración por diferentes recunchos do Concello.
A continuación haberá un xantar de irmandade para aqueles que queiran participar, por un prezo de 20 euros, que terá lugar nunha carpa instalada para a ocasión no propio Polígono de Cuiña.
Haberá agasallos sorpresa para os asistentes.
O rexedor quixo destacar a importancia desta cita “xa consolidada no noso Concello como punto de encontro para as asociacións de xinetes de toda a Comarca da Mariña, fundamentalmente, pero tamén doutros lugares de Galicia, que teñen unha afección común polo mundo dos cabalos, que vemos como ano tras ano vai gañando adeptos, visto o éxito desta convocatoria, que cada edición suma máis participantes; tendo en conta que o ano pasado foron máis de 100 os asistentes”.
Villares apuntou que “a Ruta do Poldro é tamén unha oportunidade para que aqueles que nos visitan poidan descubrir, neste caso a lombos do cabalo, toda a riqueza natural do municipio e gozar das paisaxes que ofrece o noso Concello”.
Os interesados no evento deben anotarse chamando aos teléfonos 636.94.08.88 ou 626.31.88.70.