O Concello de Barreiros colabora co grupo Nordés (grupo de facebook) na organización da exposición conxunta de Olivia C. Rozas e María del Carmen Santamarina que se inaugura mañá, venres DÍA 15, no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro en San Cosme.
Ambas artistas son veciñas de Barreiros. Na mostra Olivia C. Rozas presenta un mundo en branco e negro de onírico lirismo que intercala realismo e soño a través do grafito. Pola súa banda Santamarina pon a voz aos trazos de Olivia mediante breves poesías que nos falan do amor, o mar e a emigración.
Olivia C. Rozas é debuxante dende moi nova e o seu medio de expresión favorito é o grafito sobre papel. Defínese como unha artista autodidacta que explora as fronteiras do real e o onírico compoñendo a súa realidade a través de grisallas, aínda que de vez en cando aparecen notas de cor nos seus debuxos. A figura feminina é a gran protagonista da súa obra, pero tamén o medio natural no que se envolven.
María del Carmen Santamarina é unha amante da poesía tamén dende moi nova e escribiu os primeiros poemas no seu Ribadeo natal, aínda que foi en Barreiros onde reside, cando comezou a escribir asiduamente. Dedica moitas das súas creacións ao propio Barreiros, á emigración, ao mar e ao desamor.
A exposición, que se inaugura mañá ás 20:00 horas, poderá visitarse ata o 29 deste mes en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a sábado. Os domingos a mostra abrirá de 11:00 a 13:00 horas.