A cita, organizada pola Asociación Clan, e que conta coa colaboración do Concello de Cervo, foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés e representantes do ente organizador.
O programa comezará o venres ás 17:00 horas cun taller de flauta irlandesa-whistle; e ese mesmo día, ás 22:00 horas, haberá Serán na Praza dos Campos cos grupos A Rebolaxe, de San Ciprián, Airiños do Xunco, de Cervo, Medio Quiñón, de Burela; Ledicia, de Burela; e os alumnos do obradoiro de flauta; e con premios para os mellores bailadores.
Dende as 23:45 horas está programada a actuación da Requinta da Laxeira; e dende a 01:00 horas haberá foliada libre.
O sábado, 2 de setembro, está previsto ás 10:30 horas un taller de corda pulsada; e dende as 12:00 horas haberá Cantos de Taberna cos grupos A Rebolaxe, Os Misturas, Airiños do Xunco, Ledicia, Os Sobrados e Medio Quiñón en diferentes establecementos da vila.
Ás 15:30 horas haberá unha comida popular na Prazoleta, a base de empanada, callos ou ensalada de pasta, bebida e postre.
Ás 19:00 horas será a quenda de Perfusión, na Praia do Torno. E dende as 21:00 horas terá lugar a cea popular na Praza dos Campos, con xamón cocido, chourizo, pataca e orella.
Ás 22:15 está prevista a actuación do Clan Maragato e ás 23:30 horas de Anxo Lorenzo, que deixará o testigo á 1:00 horas a Fanfarria Taquikardia.
O domingo, 3 de setembro haberá pasarrúas pola mañá a cargo do grupo Dambara de Burela que ofrecerá unha actuación ás 13:30 horas na Praza dos Campos, e ás 19:30 dará comezo o festival folklórico cos grupos Mistura de Lieiro, Saíñas de Xove e os do 21 do Vicedo.
O Concello de Cervo, convida a veciños e visitantes a gozar dunha fin de semana única na que a música, o baile e a diversión están asegurados.