O tango chega este domingo, día 6, ao Eido Dourado, en Barreiros, dentro do ciclo de concertos Sons no solpor. O grupo Tanto Tango actuará a partires das dez da noite nos xardíns deste espazo dedicado ao arte.
O promotor desta iniciativa, Celso Dourado, sinala que “continuamos co ciclo musical Sons no solpor e este domingo, a partires das dez, toca unha formación podemos dicir que son músicos que se uniron para este tipo de tratamento do tango. Levan como nome Tanto Tango”.
Dourado explicou que “a cabeza visible é Iria Lis que xa estivo en distintas salas sobre todo da Coruña e de Santiago, está composto por músicos cunha ampla traxectoria. Por exemplo no contrabaixo está o mestre Quique Alvarado, que ten tocado con xente como Alberto Cortez, Paquito D´Rivera, o jazzista Jorge Pardo e un longo etc, na guitarra está tamén o arxentino, igual que Quique Alvarado, Gustavo Devitto, que é outro dos grandes músicos. E buscaron para a voz a Iria Lis, que é unha clásica dos escenarios case sempre na súa versión máis bluseira, é unha gran cantante de blues, moi recoñecida na maior parte dos escenarios tanto galegos como da capital de España”.
O artista barreirense pensa que “vai ser unha noite máxica, unha máis, e invito a todos aqueles que queiran disfrutar de tres grandes músicos o vindeiro domingo a partires das dez, nos xardíns do Eido Dourado. Agardamos que o tempo nos axude”.