O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, presentaron o II Festival Arcadio Mon, que terá lugar o vindeiro xoves 3 de agosto no Adro de San Pedro, en Alfoz. Na presentación tamén participaron os organizadores do certame, Eduardo Canoura e José Vázquez.
O Goberno da Deputación é o principal patrocinador deste evento cultural, cunha achega de 2.000 euros, facendo posible a organización desta segunda edición do Festival, no que participarán máis de 600 persoas totalmente de balde, e co que tamén colaboran os Concellos de Alfoz e O Valadouro, posto que a súa organización alterna cada ano entre estes dous municipios da Mariña lucense.
Campos Conde subliñou que “con esta achega non só dinamizamos a vida cultural daMariña, senón que tamén damos a coñecer a labor de Arcadio Mon, un dos compositores máis importantes da nosa provincia, fundador e director da Banda de Música e da Escola de Música de Foz, que hoxe en día conta con preto de 400 alumnos”.
A homenaxe contará cun concurso de novos talentos musicais, destinado a intérpretes de menos de 20 anos, e un concerto, a partir das 19:00 horas, no que actuarán catro grupos de música popular: Escolma de Meus, Sons de Celeiro, Sons Varadero, Mar Aberto. Tamén actuarán os cantantes Sito Sedes, Enzo Fernando, Toni Cazás, Marga Rodríguez e Miro Casavella, e os músicos Antonio Mandiá, Juan Carlos García, Lino Rico, Felipe Sánchez e Joe Carey.