Este domingo, 16 de xullo, arrinca no Eido Dourado o ciclo de concertos denominado Sons no solpor coa actuación do grupo vigués Ghaveta que fai música tradicional galega personalizada. Será a partir das 22:00 horas a carón da praia de A Pasada. Este ciclo prolongarase ata o 20 de agosto e Celso Dourado convida a asistir a estes concertos nos xardíns deste espazo dedicado ao arte.
Celso Dourado anunciou que “este domingo, a partir das dez da noite, arranca no Eido o ciclo musical Sons no solpor. Este domingo vai iniciar os concertos un grupo da provincia de Pontevedra, radicado en Vigo, que se chama Ghaveta”.
O artista barreirense explicou que “é un grupo de música tradicional galega cunha orixe na zona de Vigo. É un cuarteto que naceu máis ou menos polo 2013. Despois de varios anos de concertos no 2015 publicaron o seu primeiro álbum que leva por título Disque”.
Dourado engadiu que “Ghaveta é un grupo moi coidado, cunha liña moi folk e eu invito a todas aquelas persoas que queiran escoitar música que se acheguen ao Eido para velo de pretiño. Este cuarteto está formado por Beatriz Martínez con arpa e culleres, Marta Martínez á voz e percusión, Diego Langarika que ademais de ser un gran lutier pégalle á guitarra acústica e ao bouzouki, e conta cun bo violinista que é Felipe Rodicio. Presentaranos a nivel da Mariña o seu disco e creo que vai ser un inicio moi agradable”.
Celso Dourado lembrou que “os concertos son de entrada gratuíta. O ciclo musical denominámolo Sons do solpor porque sempre procuramos facelo coa caída do sol onde a luz natural deixa paso á iluminación do propio espazo, o cal fai máis bonito se cadra os concertos”.