O Concello de Cervo, a través da delegación de Xuventude, pon en marcha este verán o programa Avívate en Cervo dirixido a rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos.
A edil de Xuventude, Dolores García Caramés, trasladouse esta mañá ata o IES Marqués de Sargadelos, para explicarlle aos mozos a proposta, que consiste na realización dunha serie de actividades encamiñadas a dotalos da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro.
Neste senso haberá un curso de monitor de tempo libre, que se impartirá dende o 3 xullo; um obradoiro de intelixencia emocional, o 17 de agosto, cunha duración de 3 horas; o obradoiro avívate, estratexias para acadar os teus obxectivos; tamén o 18 de agosto; un obradoiro de motivación empresarial, que se desenvolverá o día 21 de agosto; un xantar de convivencia e unha actividade de ioga.
Neste senso, aquelas persoas interesadas en participar, deberán cubrir as inscricións e entregalas antes do 28 de xuño na Casa da Cultura ou no Concello.
Caramés animou a todos os mozos e mozas a participar e sinalou “que dende o Concello de Cervo traballamos para tentar ofrecerlles todas as ferramentas que temos na nosa man, para complementar e dirixir a súa formación programando diversas actividades que cremos que constituirán un apoio importante para o seu futuro e desevolvemento persoal e profesional, nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.