Mondoñedo conta cunha aplicación informática para a promoción dos recursos turísticos e das rutas de sendeirismo do municipio.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presentou a aplicación informática para dispositivos móbiles e a web asociada, mondonedo.elcaminoentumano.com, que dende a administración local crearon para a promoción dos recursos turísticos e das rutas de sendeirismo do municipio. A rexedora puxo en valor este proxecto promovido polo Goberno local, quen segue organizando os recursos da cidade e poñéndoos en valor para que o visitante poida ver que se “está ante un destino cheo de oportunidades”.

Candia explicou que “o noso obxectivo foi o de constituír unha ferramenta que contén toda a información necesaria para coñecer todos os recursos turísticos do concello de maneira detallada así como todos os recursos asociadosque se poidan necesitar para programar e gozar a visita de maneira completa e satisfactoria”. A plataforma web vinculada á aplicación móbil consegue, ademais, facer a información máis accesible ao ser posible a “súa consulta de maneira cómoda a través dunha pantalla máis grande”, matizou.

Dende o Goberno local expuxeron que cada día máis persoas buscan na rede a información que lles leva a decidirse por un destino concreto e, “unha vez decidido, a coñecelo con maior detalle para gozar ao máximo das súas potencialidades”, engaden. Así, precisaron, a rede contén multitude de fíos de información turística onde, na maior parte dos casos, a localización adoita ser un plano de difícil lectura, ademais “é necesario consultar por canles diferentes os lugares nos que nos podemos aloxar, comer ou descansar, por exemplo”. Así, estaproxecto“cobre un oco existente no mercado das aplicacións para móbiles especializadas na promoción de recursos turísticos e facilita a información de xeito cómodo e ordenado”

Contido e funcionamento da aplicación
A aplicación Camiños de Mondoñedo, As rutas de sendeirismo e os servizos do concello de Mondoñedo na túa man, estrutúrase en dous troncos principais, un baseado na información e outro na xeolocalización. 

O contido da información, que se pode consultar de igual forma tanto dende a plataforma web como dende os dispositivos móbiles, contén datos e fotografías dos recursos turísticos, ademais de xeolocalizarse estes recursos sobre a cartografía dispoñible de maneira que “podamos coñecer a súa posición exacta, a nosa e os movementos dunha a outra”. Ademais, a aplicación contén información adicional que o visitante pode necesitar, dende servizos (aloxamentos, restaurantes, bancos...) ata puntos de interese turístico (elementos patrimoniais, naturais, lúdicos...). 

De igual xeito, na aplicación hai información sobre as rutas de sendeirismo, tanto xeral (descrición da mesma, características...) como do seu trazado (tipo de pavimento, perfil, accesibilidade...) e inclúe tamén diferentes opcións tales como alternativas accesibles para evitar tramos difíciles, por exemplo.

No que se refire á xeolocalización, o sistema de gps dos dispositivos móbiles permite situar ao usuario no interior da aplicación e poder ver o que hai ao seu redor. “Permite localizarse sobre o terreo; localiza aos seus amigos no seu dispositivo móbil, o que facilita o control dos grupos; permite unha chamada directa de emerxencia; pódense realizar fotografías que aparecerán situadas no lugar que se fixeron; indícase como chegar a cada un dos recursos contidos na aplicación dende a posición actual...”, enumeran.

Por último, entre outras potencialidades deste proxecto, atópanse tamén a posibilidade de consultar a situación meteorolóxica para o día que se vaia facer a visita e seleccionar o idioma.