A XXVI edición da Festa do Ourizo terá lugar o vindeiro sábado 18 de marzo, en San Ciprián. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil delegada de Turismo, Manuela Méndez, presentaron “un programa repleto de actos e actividades que xirarán ao redor do protagonista ese día, o erizo”.
Deste xeito, avanzaron, que “un ano máis organizamos un show cooking, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, a partir das 12:00 horas do mediodía, no que gozaremos vendo as habilidades culinarias en vivo de 3 prestixiosos chefs da gastronomía galega que cociñarán en vivo ante os asistentes innovadoras receitas elaboradas coa base do ourizo: Rafa Centeno, do Restaurante Maruja Limón, Iñaki Bretal do Restaurante Eirado da Leña e Diego López, do Restaurante Molinera. Ademais contaremos co recoñecido somelier Nacho Costoya, para moderar e dinamizar o evento”.
En concreto, a xornada festiva comezará ás 12:00 horas coa inauguración das XVII Xornadas Técnicas sobre o Ourizo. Xa ás 12:15 dará comezo o Show Cooking a cargo dos chefs anteriormente reseñados.
Ás 13:30 horas terá lugar a clausura destas Xornadas Técnicas, cando os asistentes poderán probar o resultado desta cociña de vangarda centrada neste marisco, e dará comezo xa a XVI edición do Concurso Gastronómico do Ourizo, tamén na carpa instalada na Praza dos Campos.
Un concurso aberto, como vén sendo habitual, aos locais da hostalería de San Ciprián participantes na festa, que nesta ocasión son: Pizzería O Trasgo, Cervecería Nordesía, Telvi’s Place, A Cerve, Bocatería O Faro, Bar Maruxaina, Cervecería Las Titas, Restaurante Boavista, Restaurante O Noso Lar e Mesón A Bogega.
Os locais participantes poderán presentar ata dúas especialidades que serán catadas polos membros do xurado, que serán os encargados de determinar cales son as tapas vencedoras.
As 14:30 horas será xa a entrega de premios e distincións do concurso. Os autores das tres mellores tapas, recibirán unha figura de Sargadelos, e un premio en metálico.
Recordaron que “durante todo o día os asistentes poderán degustar as tapas nos diferentes establecementos participantes, e tamén na carpa, onde se servirá ourizo cocido, ademais, non faltará animación –engadiu- porque a festa estará amenizada todo o día a cargo da Charanga Aturuxo, Os Charangos, Rebolaxe, Perkusiona e Airiños do Xunco”
Como peche da xornada festiva ás 23:00 horas dará comezo o gran concerto, “que programamos por segundo ano consecutivo e no que contaremos, nesta ocasión coa actuación do grupo folk Ardentía, na Praza dos Campos “unha das mellores formacións no eido da música tradicional de Galicia, que estamos convencidos de que maridará á perfección nesta Festa do Ourizo, na que cultura, tradición e gastronomía camiñan da man”.
Villares aproveitou a ocasión para convidar a todo o mundo a asistir nesa xornada a San Ciprián, para participar nesta festa declarada de Interese Turístico Galego, que naceu do pobo e pervive no tempo grazas ao esforzo conxunto; unha Festa que forma parte xa do patrimonio cultural de Cervo e da súa historia, e que, polo tanto, dende o Concello consideramos primordial poñer en valor, e render homenaxe a un marisco tan ligado a nós que co tempo, grazas en boa parte a esta celebración con máis dun cuatro de século de vida, está a acadar o recoñecemento que merece” .