O Concello ribadense forma parte do programa Apego, que busca fomentar e favorecer a transmisión do galego de adult@s a pequen@s. Está dirixido a todas as familias que vaian ter un bebé ou que xa teñan na casa un neno ou nena de 0 a 6 anos e que estean interesadas en transmitirlle o galego. Unha das primeiras propostas de Apego terá lugar este domingo, 12 de febreiro. Teatro da Semente representará Chíos, un espectáculo sensorial de 30 minutos de duración. Será ás 17:30 horas no Teatro.
Na presentación que tivo lugar esta tarde o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, explicou que “estamos aquí hoxe para presentar o proxecto Apego, que é un programa colectivo que sobre todo pretende fomentar, favorecer e lograr que a transmisión do noso idioma entre os adultos e os pequenos sexa unha realidade, porque nestes momentos quizais sexa o problema máis grande que ten a lingua galega: lograr a transmisión xeracional. Este programa foi iniciado aló polo ano 2015 por uns cantos concellos e máis pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización Lingüística. Un ano máis tarde Ribadeo, xunto con outros concellos, sumouse e actualmente somos uns 30 municipios os que formamos parte do programa Apego”.
O edil nacionalista indicou que “é un proxecto co que pretendemos entre todos os concellos facer chegar á xente uns materiais para que se logre esa transmisión xeracional e para que os nenos e as nenas poidan ir interiorizando verbas galegas que pouco a pouco vanse perdendo, que están cheas de agarimo. Somos membros de Apego concellos de todo tipo: da costa, do interior, das catro provincias, grandes como A Coruña ou como Santiago e pequenos como A Baña ou Negreira. Oxalá logremos que, unha vez que isto se vaia poñendo en marcha e estabilizando, outros concellos da Mariña luguesa e de toda a provincia de Lugo se sumen a este proxecto, porque cremos que é unha cuestión vital e moi instrutiva e didáctica”.
Farruco Graña dixo que “cando os pais e nais se acheguen pola Casa de Cultura para ver estes materiais que se lles van entregar van quedar moi gratamente sorprendidos porque están moi ben deseñados e son moi didácticos. Este programa Apego vai dirixido ás familias que vaian ter un bebé ou que teñan xa na casa un neno ou nena de 0 a 6 anos e que estean interesados en transmitirlle o galego. Podemos atoparnos con familias que xa teñen esta cuestión moi clara e outras que están pensando en comezar a transmitir o idioma. Así que todas as familias que teñen bebés entre 0 e 6 anos ou que estean en período de xestación que se acerquen ata a rúa Viejo Pancho, número 12, para recoller estes materiais, dos que tamén lles informarán no centro de saúde as matronas e todo o persoal relacionado co proceso de embarazo, parto e posterior crianza dos cativos”.
Pola súa banda a concelleira de Educación, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que “a min tócame presentar a caixa de benvida, coa que queremos agasallar ás familias que están a piques de ter un bebé ou que teñen un de poucos mesiños. ¿Que leva esta caixa?: en primeiro lugar está o gran protagonista da campaña do Apego, que é o polbiño Po. É unha mantiña boneco que quere significar o cariño que transmitimos a través do idioma. Contén tamén unha guía que inclúe recomendacións no inicio da crianza referidas á hixiene e alimentación, mais tamén fai propostas de nomes en galego, cantos de berce, xogos de dedos, cantigas e vocabulario. Hai ademais unha adhesivo para o coche, co lema Sentidiño, hai peques; un medidor; un álbum de lembranzas para pór as fotos do primeiro ano de vida do bebé, cunhas ilustracións preciosas. Esta caixa está moi coidada esteticamente, pero realmente o agasallo máis importante é o amor polo idioma e o orgullo de transmitírllelo aos máis pequeniños, desde o berce”.
Álvarez Lastra engadiu que “a campaña de Apego ten este domingo unha primeira proposta. Podédesvos acercar a ela todas aquelas familias que teñades pícaros con idades comprendidas entre 0 e 3 anos. Será no Cine Teatro de Ribadeo, vai ter 30 minutos de duración, e corre a cargo da compañía Teatro da Semente, que representará Chíos, un espectáculo eminentemente sensorial. Será este domingo, 12 de febreiro, ás cinco e media da tarde no Cine Teatro”.