A Delegación de Servizos Sociais colabora na organización dun obradoiro titulado O móbil e o banco de recordos, que terá lugar o vindeiro mércores, 23 de novembro. Desenvolverase no Centro de Formación Ocupacional de Burela en horario de 16:00 a 19:00 horas. Este obradoiro está organizado pola Deputación de Lugo coa que colabora o Concello burelés, a través da súa Concellería de Servizos Sociais.
A edil Patricia Otero comentou que “este proxecto sobre a memoria dixital lucense é un banco de recordos audiovisual promovido pola Deputación de Lugo dentro do programa de promoción de autonomía dos maiores da provincia a través das novas tecnoloxías que xestiona a Fundación TIC”.
A responsable de Servizos Sociais en Burela explicou que “o Concello súmase a esta memoria dixital de Lugo e deste xeito contribuiremos a crear entre todos un banco de recordos que nos axudará a coñecer o noso pasado e a entender mellor o noso presente”.
Patricia Otero dixo ue “se trata dunha xornada para maiores de 55 anos, na que se lles ensinará a dixitalizar as fotos antigas que traian os asistentes e realizaremos con elas un álbum de fotos moi especial”.
A concelleira de Servizos Sociais lembrou que “no anterior obradoiro da Fundación TIC sobre alimentación saudable dos nosos maiores solicitóusenos por parte dos asistentes ao mesmo que intentáramos traer este obradoiro para Burela xa que lles parecía moi interesante e estaban dispostos a participar”.
As persoas interesadas en acudir a este obradoiro sobre O móbil e o banco de recordos deberán inscribirse na Casa do Concello en horario de 08:00 a 15:00 horas.