Teatro dos Ghazafelhos presenta o 8 de outubro en Burela "Contos de lobo", un espectáculo para o público familiar con maxia, circo e hipnose.

Teatro dos Ghazafelhos presenta o 8 de outubro en Burela "Contos de lobo", un espectáculo para o público familiar con maxia, circo e hipnose.
 
Teatro dos Ghazafelhos presenta este sábado, 8 de outubro, en Burela Contos de lobo, un espectáculo interactivo onde se mesturan a maxia o circo ou a hipnose. Na obra participan dúas personaxes dispares pero no fondo parecidas, acordan para contar historias onde aparezan lobos...pero ao final un fai maxia, outra hipnotiza, os dous fan acrobacias...ala!! E os contos?
 
Mon e Pe chegan para contar contos. Ao principio fan unha entrada tan espectacular que a Pe se lle vai a cabeza e comeza a facer espectáculos de maxia e acrobacias... Mon, contundente pero didáctica, centra a situación ofrecendo ao público presente colaboración nos contos... e que colaboración!!! 
 
Mon, eficiente, sabichona, quere que todo saia ben...É unha gran coñecedora dos contos!! Menos mal que ten autocontrol se non... Pe, tolo, despistado e impaciente quere facer maxia, ou acrobacia, ou...ai ...!!Que si, que viñamos contar contos...
 
No espectáculo trátase a temática da boa alimentación así como a estimulación para o xogo e a participación teatral. Teatro dos Ghazafelhos é unha compañía nada na comarca de Ferrolterra no ano 2006 e creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho. Centrándose no traballo de títeres, animación e teatro actoral especialízanse na realización de obras teatrais para público familiar. Na súa andaina realizan contacontos, mímica, títeres... e talleres de teatro para grupos infantís e de adultos. Ghazafelhos soña con  evocar nas súas historias ás grandes xenialidades que entenderon o mais efímero da vida: a infancia.
 
Contos de lobo é unha obra para tódolos públicos, pero recomendada para nenos e nenas de 3 a 10 anos, dentro do programa Ler Conta Moito. A función terá lugar o vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Burela.  A entrada será libre.