O Concello organiza distintos actos con motivo da celebración do Día do Libro e agasallará ás persoas que visiten estes días a Biblioteca Municipal cuns marca páxinas, segundo deu a coñecer Farruco Graña.
O edil nacionalista manifestou que “cada vez máis debemos celebralo dun xeito especial. Días do libro hai trescentos sesenta e cinco ao ano, e é ben certo que este sábado, 23 de abril, aproveitaremos para destacar a festa do libro. Desde o Concello de Ribadeo quixemos sumarnos a esta celebración cunha mensaxe institucional breve e moi sinxela Vive lendo, le vivindo”.
O responsable de Cultura: “é bo que a lectura forme parte do noso día a día e ademais cada vez que collamos un libro nas mans, que o vivamos intensamente, ben sexa a título persoal e íntimo ben sexa formando parte de clubs de lectura e compartindo as nosas vivencias lectoras. Pero todos homes e mulleres, pícaros e pícaras, todas as persoas de ben temos que enorgullecernos de ter un libro nas nosas mans e gozar da lectura”.
Farruco Graña salienta que “son distintos os actos que está habendo ao longo desta semana. Puidemos asistir á inauguración dunha exposición ovícola literaria no IES Dionisio Gamallo, preciosa. Animo á xente a acercarse alí porque aínda se vai poder ver durante a semana que ven. Queremos ademais lanzar unha mensaxe pública ben visible nos comezos da avenida Rosalía de Castro cunha lona que conmemora o Día do Libro con este lema Vive Lendo, le Vivindo e tamén faremos unha cativa homenaxe á lectura cuns indicadores que teremos a disposición dos lectores e lectoras que visiten a biblioteca El Viejo Pancho”.
O concelleiro de Cultura engadiu: “porque ler non costa nada, podemos ir ás bibliotecas públicas, podemos acercarnos a elas e incluso propoñer novas adquisicións para aumentar o noso caudal lector e tamén podemos se temos a ben agasallar aos nosos amigos e amigas, veciñas e veciños, cun libro”.
Farruco Graña concluíu: “lembremos que normalmente nesta celebración as librerías soen sacar os seus exemplares á rúa e poñelos a disposición do público para poder facer un agasallo especial, que o agasallo sexa o da felicidade por ler, Vivir lendo, ler vivindo”.
Contacontos o vindeiro luns, 25 de abril
O vindeiro luns, día 25, na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho terá lugar o espectáculo de contacontos O coelliño branco a cargo de Trinke Trinke para o alumnado de 1º curso de Primaria do CEIP Gregorio Sanz e do colexio Sagrado Corazón. A actividade dará comezo ás 10:30 horas e inclúese dentro do programa Ler Conta Moito da Xunta.