A terceira edición do Ribadeo Indiano, que organizan o Concello e Acisa celebrarase do 8 ao 10 de xullo. Comeza a conta atrás con esta cita alén do tempo.
Desde a organización sinalan que “nesta semana na que tantos viaxeiros e viaxeiras visitan Ribadeo, e na que tantos veciños e veciñas gozan duns días de descanso, o Concello de Ribadeo e Acisa queremos aproveitar a ocasión para presentarmos a terceira edición do Ribadeo Indiano. Despois de dous anos nos que o éxito foi a máis, agora toca afrontar unha nova edición coa ilusión posta nunha celebración que nos dá a coñecer polo mundo adiante e que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán mariñán e galego”.
E engaden: “son horas xa de irmos encargando novos traxes, de irmos ideando novas propostas para que o noso Ribadeo Indiano reluza con máis esplendor. Os días 8, 9 e 10 de xullo imos unir os dous lados do Atlántico con pamelas vistosas, chapeus de moito garbo, chalecos e parasoles de cores. Comeza a conta atrás do III Ribadeo Indiano”.