O Desfile do Entroido, que se celebrará o Domingo de Piñata, ocasionará cambios no tráfico rodado en Lourenzá.

O Desfile do Entroido, que se celebrará o Domingo de Piñata, ocasionará cambios no tráfico rodado en Lourenzá.
 
A alcaldesa, Rocío López, ven de asinar un bando cos cambios que se producirán no tráfico en Lourenzá o vindeiro 14 de febreiro con motivo da celebración do desfile do Entroido. 
 
O domingo de piñata permanecerán cortadas ata o tráfico desde as 16:30 e ata que remate o desfile as seguintes rúas: Ponte das Cuñas desde a saída do Mercado Comarcal Gandeiro, Avenida do Val, Doctor Rubiños, Campo da Feira, Praza Linares Rivas, Avelino Montero Villegas, Travesía da Mariña, Francisco Fernández del Riego, Muíño do Frade, Secretario Luis Iglesias e As Plazas. 
 
A Alcaldía tamén comunica neste bando que se prohibe aparcar desde as 9 da mañá nas mencionadas rúas, en Casas Novoa e na entrada que vai por detrás do Mercado Comarcal Gandeiro e que comunica coa estrada que vai a Trabada. A parada do autobús ese día trasládase á rúa Calvo Sotelo (xunto ao bar Cabaleiros) e a de Arroxo pasará a estar situada xunto ao bar A Voltiña (en Grove, ao carón da estrada xeral). 
 
Rocío López sinala que “dende o Concello animamos a todos a participar nesta cita que cada ano se celebra no noso municipio. Agardamos que sexa unha xornada moi concorrida, que de seguro se presentará con moitas novidades e creatividade en torno aos disfraces carnavaleiros”. A rexedora tivo palabras de agradecemento para os organizadores: “dende o Concello agradecemos todo o traballo dos membros da Acial, Protección Civil, e todo o persoal que colabora xunto co Concello na organización e nos preparativos do desfile do domingo de piñata”.