As festas patronais de Lourenzá, o Conde Santo, botan a andar este venres, 28 de agosto, e durarán ata o luns 31. Durante eses días desenvolveranse numerosas actividades festivas, entre elas o II Concurso de Cantos de Taberna.
O día 28 ás 13 horas soarán as bombas de palenque para anunciar o inicio das festas e ese mesma xornada pola tarde, para conmemorar o Día da Bicicleta, está programado un percorrido ata a Cazolga, para o que é necesario inscribirse na praza do Conde Santo dende unha hora antes. Dende as 21 horas haberá unha gran pulpada a cargo de A Rochela e, a partir das once da noite, actuará o grupo Superglú no Campo dos Bolos seguido do concerto gratuíto de Revólver e remate da festa coa discoteca móbil de Dani Rego.
Ao día seguinte ás 13 horas celebrarase misa solemne e abrirase como é tradición o recinto do Sepulcro do Conde Santo na Igrexa de Santa Marta de Valdeflores. Ademais dos cocos e cabezudos que alegrarán as rúas, pola tarde haberá espazo para o deporte, da man do Trofeo Conde Santo das categorías inferiores das E.D. Lourenzá. Ás 19.30 horas comezará a Concurso de Cantos de taberna polos bares de Vilanova e á noite a verbena correrá a cargo do Grupo Fénix e Garibaldi.
O domingo 30 repetirase a programación de cocos e cabezudos, misa solemne e Trofeo Conde Santo, a sesión vermú estará amenizada por Tekila e a música poñerana pola noite Tekila e Claxxon.
E o luns, 31 de agosto, logo das bombas de palenque, sairán por última vez os cocos e cabezudos. A partir das 17 horas a praza do Conde Santo acollerá xogos populares e ás 20 horas celebrarse unha exhibición de batuka a cargo do grupo das alumnas da Asociación Terras de Tovar, así como unha exhibición de bailes de salón da escola de baile Goldance. A partir das 21:30 horas comeza a verbena coa orquestra Atenas.