Festival Infantil
O auditorio municipal Hernán Naval, de Ribadeo, acollerá o día 26 de abril, sábado, ás 17:30 horas a décimo primeira edición do Festival Infantil de Folclore organizado pola asociación ribadense Amigos da Gaita Galega, coa colaboración do Concello de Ribadeo.
“Volve a maxia da música e da danza tradicional coa alegría dos máis pequenos! O Sábado 26 de abril ás 17:30 horas o Auditorio Municipal Hernán Naval acollerá o Festival Infantil de Folclore, un evento cheo de cor, son e tradición no que as novas xeracións serán as verdadeiras protagonistas. Unha cita perfecta para gozar en familia, descubrir o talento das crianzas e celebrar xuntos o noso patrimonio cultural. Anímate a vivir unha tarde única de música, baile e emocións!”, anuncia o colectivo organizador deste evento.