Os días 24 e 25 de abril terán lugar en Ribadeo as VIII Xornadas de abordaxe integral de violencia de xénero no ámbito local. A inscrición está aberta.

Os días 24 e 25 de abril terán lugar en Ribadeo as VIII Xornadas de abordaxe integral de violencia de xénero no ámbito local. A inscrición está aberta.
 
Do 13 ao 23 de abril estará aberto de inscrición nas VIII Xornadas de abordaxe integral de violencia de xénero no ámbito local, que versarán sobre Violencias sociais, mulleres precarias, mulleres á deriva. A cita, que terá lugar os días 24 e 25 de abril, foi presentada esta mañá no Concello.  
A edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, indicou que “o contexto de crise económica actual e as graves consecuencias sociais que ven provocando está a producir efectos devastadores en moitos sectores de poboación e de forma moi particular na vida das mulleres. Nesta coxuntura a configuración dista violencia estrutural é tan sutil que moitas mulleres están a sufrir situacións de grave precariedade laboral, social e de condicións indignas de vida. Mentres non sexamos quen de frear a desigualdade a violencia contra as mulleres non deixará de medrar. Ante todo isto, a Comisión Interinstitucional de violencia de xénero de Ribadeo, como ente organizador destas xornadas, quere convidar aos profesionais e á cidadanía en xeral a compartir tempos e espazos de debate conxuntos, que nos permitan visibilizar os arquetipos de dominación masculina neste contexto de crise”. 
A concelleira nacionalista explicou que “falaremos da crise dos coidados, do uso dos corpos das mulleres como mercancía con valor de uso e valor de cambio e das relacións das mulleres coas estruturas de poder. Non podemos esquecer tampouco, un ano máis, o tratamento da violencia de xénero na xente nova, principalmente na etapa adolescente por ser o inicio das primeiras relacións de parella, a importancia dos medios de comunicación de masas, onde se seguen a reproducir todos os estereotipos de xénero e tamén  da visión,case sempre sesgada, que o eido sanitario tivo e aínda ten sobre o tratamento da saúde das mulleres”.
A traballadora social do centro de saúde de Ribadeo, Paz Ramil, referiuse á temática que se abordará nas xornadas máis polo miúdo e relatou algúns dos aspectos que se analizarán: A violencia de xénero nos adolescentes. Plan director para a mellora da seguridade escolar nos centros educativos; Sexting: novos vehículos para a violencia nas relacións de parella das e dos adolescentes; A trata de mulleres en Galicia: da invisibilización á vitimización; Os coidados da vida, a economía invisible; Unha ollada dende o ámbito da saúde; Os medios de comunicación: a violencia simbólica contra as mulleres; e As mulleres e o poder. Violencias en tempos de crise. 
Ramil dixo que “as xornadas contan cunhas ponencias moi interesantes, cunhas mulleres, este ano resultou que todas as relatoras serán mulleres, de absoluta garantía, que saben perfectamente do que van falar e moi coñecedoras das temáticas que se van abordar”.
Álvarez Lastra e Ramil lembraron que “aínda que os profesionais aos que van destinados as xornadas deben inscribirse, calquera persoa que o desexe pode asistir a seguir calquera das charlas. Hai temas que son moi importantes para as familias: a maneira na que se están a educar os adolescentes, a maneira na que viven as súas relacións… as propias mulleres temos que ser conscientes da violencia económica e dos dereitos que estamos a perder. As xornadas non só están dirixidas aos técnicos especialistas senón que están abertas á poboación en xeral, xa que as aportacións das conferenciantes serán moi interesantes. Calquera muller ou calquera home pode acudir ás xornadas. Está moi ben que as mulleres vaiamos para ser conscientes, así como as persoas que conviven con nós e sobre todo os mestres que están a educar, porque a violencia de xénero non só é cousa nosa, das mulleres, é algo que lle afecta a toda a sociedade ”.
A inscrición poderá formalizarse do 13 ao 23 de abril enviando a folla de inscrición debidamente cumprimentada por correo ordinario, por fax no 982 120 888 ou por correo electrónico: cim@ribadeo.org
As xornadas desenvolveranse no Teatro, en Ribadeo, os días 24 e 25 de abril. A inauguración terá lugar o venres ás 16:30 horas e correrá a cargo do alcalde, Fernando Suárez, e da concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra.