
O concello de Cervo será o escenario por primeira vez esta fin de semana, sábado 12 e domingo 13 de abril, do campionato galego de Wáter-Polo Infantil Mixto de Inverno. A proba disputarase na piscina municipal olímpica.
O Concello de Cervo anuncia que este evento deportivo “atraerá esta fin de semana ao noso concello a máis de 120 deportistas, cos seus respectivos adestradores e familiares, procedentes de 9 clubs de toda Galicia: CW Pontevedra Masculino, CW Pontevedra Feminino, C Marina Ferrol, RCN de Vigo, CW Santiago A, CW Santiago B, CW As Mariñas, CW Coruña Rías Altas e CW Lugo. Dará comezo o sábado as 13:30 horas, cos partidos da primeira fase. O domingo a partir das 10:00 horas serán as finais”.
A proba foi presentada pola rexedora municipal de Cervo, Dolores García Caramés; o edil de Deportes, David Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; e o representante de Waterpolo Marina Ferrol, José Aneiros.
A alcaldesa de Cervo puxo en valor “a versatilidade das instalacións privilexiadas que temos e que nos permiten poder atraer competicións de diversa índole e disciplinas diferentes como esta, cun gran impacto económico para a nosa zona pola cantidade de xente que move”.
A rexedora convidou “a todo o mundo a acudir a Cervo nunha fin de semana na que poderán gozar, de xeito gratuíto, dun evento deportivo diferente e que achegará este deporte non tan coñecido na nosa zona ao público xeral”.