O Museo do Mar de San Cibrao acollerá o 26 de decembro o obradoiro Castelao “Raíces Migrantes”, enmarcado no programa Culturas en Diálogo da Vicepresidencia da Deputación

Coincidindo co Día Mundial das Persoas Migrantes -18 de decembro-, a
Rede Museística Provincial de Lugo organiza unha xornada con diversas
actividades orientadas á reflexión, o intercambio cultural e a creación
de espazos de encontro, que se desenvolverán no Museo Provincial de Lugo
e na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e que dan continuidade ao
programa “Culturas en diálogo” no que os museos provinciais traballan
desde hai máis dunha década fortalecendo lazos coas comunidades
migrantes nas comarcas de Lugo e no resto do país.

Haberá actividades o 18 de decembro entre as 12 da mañá e as 18:30 horas.

Ademais de celebrar a diversidade cultural e sensibilizar arredor desta
temática, a xornada marcará o punto de inicio do proxecto de creación do
Museo da Migración da Rede Museística Provincial de Lugo, un espazo
virtual que ten como obxectivo abordar a migración desde unha
perspectiva interseccional —coherente co enfoque da Rede— e fomentar o
diálogo intercultural a través da creación e a participación
comunitaria.

Como punto de partida dese proceso, que culminará o 18 de maio de 2025
coa posta en funcionamento do espazo virtual,  inaugurarase a exposición
temporal “Museo da Migración da RMPL: punto de partida”, que se formula
como un espazo de reflexión e escoita no que se poñen en valor as
experiencias migrantes relacionadas con Lugo, reivindicando o seu papel
na sociedade lucense.

O programa Culturas en Diálogo 2024 inclúe outras actividades sobre migración nos catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo. O obradoiro Castelao “Raíces Migrantes” terá lugar no Museo do Mar de San Cibrao o 26 de decemebro entre as 11 e as 13 horas. Esta é unha actividade infantil e tamén para as familias.