Aproveitando o tempo de lecer do Nadal, a Concellería de Cultura presenta unha gran variedade de obradoiros e actividades para que os nenos/as e as familias poidan disfrutar destes días.
Os obradoiros destinados a nenos e nenas son todos en horarios de mañá e precisan inscrición previa que pode ser tanto na Casa da Cultura como nas oficinas xerais do Concello do 11 ao 18 de decembro. Lembrar que hai prazas limitadas.
O luns, 23 de decembro, haberá un obradoiro onde os máis pequenos poderán elaborar diferentes adornos de Nadal. (10:30-13:30 horas)
O xoves, 26 de decembro terá lugar un obradoiro de robótica creativa onde se amosarán distintos robots e os rapaces poderán xogar con eles, construirán un circuíto eléctrico, farán figuras de luz...(11:00 a 13:00 horas)
O venres día 27 de decembro está previsto o obradoiro "Fai o teu boneco bocón", que consiste na construción de marionetas de cartón onde poden ser creadas das máis variadas formas e técnicas. Neste obradoiro transformarán simples pedazos de cartón, en personaxes diversas, capaces de contar historias incríbles.
O luns, 30 de decembro será a quenda da cociña, polo que haberá un obradoiro onde nenos e nenas elaborarán diferentes receitas de Nadal. (10:30 a 13:30 horas)
O xoves, 2 de xaneiro haberá un pequeno obradoiro de maxia onde os rapaces aprenderán e practicarán diferentes trucos para sorprender a toda a familia! (11:00 a 12:00 horas).
O venres 3 de xaneiro rematarán estas propostas cunha xincana deportiva onde se realizarán diferentes e divertidísimos xogos, brilé, tiro a corda, fútbol, baloncesto e moitos máis (10.30 a 13:30 horas).
Tamén haberá actividades de tarde destinadas a público infantil e familiar:
O luns, 23 de decembro:
Representación teatral a cargo de Trémola Teatro "En busca de Papá Noel"
17:30 no Salón de Actos da Casa da Cultura
O venres, 27 de decembro:
Proxección da película "Teddy. La Magia de la Navidad" (2022)
17:30 no Salón de Actos da Casa da Cultura
O luns, 30 de decembro:
"Monstrólogo" de Trécola Producións.
Unha comedia teatral con monicreques, moita risa e moito “monstro”. Despois da función haberá pintacaras para as persoas asistentes.
17:30 no Salón de Actos da Casa da Cultura
O venres 3 de xaneiro:
"Concerto de Nadal" a cargo da Banda de música Mestre López-O Valadouro
17:30 no Salón de Actos da Casa da Cultura
Todas as actividades son de balde.