O grupo teatral O Centiño, da parroquia focega de San Martiño, organiza a oitava edición da súa gala solidaria o día 7 de decembro, sábado, ás 19:00 horas na Sala Bahía de Foz. Neste acto representarán a súa comedia titulada A morte morrida.
“No grupo teatral O Centiño, de San Martiño, levamos xa moitos anos celebrando pola época do Nadal unha gala solidaria co gallo de recadar fondos para as persoas máis necesitadas. Representamos algunha das nosas obras ou ben convidamos a amigos doutros grupos teatrais para que participen connosco. A entrada a esta Gala é libre e no descanso da mesma pasamos unha cesta para recadar os donativos que os asistentes estimen oportuno dar. Deste xeito queremos demostrar que o teatro, ademais de ser unha arte, é unha forma de facer feliz á xente, tanto aos espectadores, que poden desfrutar dun bo rato ríndose, como a outras persoas que, sen estar na representación, reciben logo os beneficios do recadado, que neste caso irán destinados ao Banco de Alimentos de Foz.
Este ano 2024 celebraremos a nosa gala solidaria o día 7 de decembro, sábado, polas 19:00 horas, na Sala Bahía, de Foz, lugar emblemático para os encontros sociais e artísticos do concello. Gustaríanos encher o aforo da sala, desfrutar de boa compañía e, de paso, contribuír cunha boa recadación para que a vida de moita xente deixe de ser tan difícil e se faga máis humana. Representaremos unha obra que fala da vida e dos sentimentos das persoas, da saúde e do espírito, da xubilación e das ganas de vivir. A peza titúlase A morte morrida e nela mestúranse as cousas divinas e humanas, o material e o espiritual, a vida e a morte, sempre en clave de comedia, coa risa como bandeira e coa reflexión como fondo, porque pensar non é oposto a pasalo ben”, explican os organizadores.