Acisa Ribadeo entrega de forma gratuíta 4.800 novas bolsas para o comercio asociado

Acisa Ribadeo entrega de forma gratuíta 4.800 novas bolsas para o comercio asociado. Están destinadas para a tempada de Nadal. 

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “como adoitamos facer polo Nadal este ano tamén entregamos de forma totalmente gratuíta materiais aos nosos asociados e asociadas. Primeiro fixémolo coa hostalería e agora tócalle ao comercio. Nesta ocasión fixemos un esforzo extra, dedicando preto de 13.000 euros para a adquisición destes materias, algo que puidemos facer co cofinanciamento da Xunta de Galicia. Grazas a esta inversión contamos con 4.800 unidades destas novas bolsas comerciais”.

Carmen Cruzado, presidenta de Acisa Ribadeo, explicou que “deste xeito as nosas asociadas e asociados de comercio contarán con bolsas corporativas para o Nadal. Para o deseño utilizamos a imaxe de Acisa, na que se debuxa o noso SkyLine baixo o slogan de O teu comercio. Así entramos nos fogares de moita xente, entregándolles ademais un produto duradeiro, como gran novidade, xa que son bolsas de algodón 100% reciclado, iso quere dicir que se poderán reutilizar durante anos para moitas funcións, unha vez que a recibimos na tenda pola compra realizada no seu día. O tamaño das bolsas é o habitual, de tipo mediano que serve para a grande maioría de negocios”.

Pérez Prada comentou: “deste xeito respondemos ás necesidades dos nosos asociados e asociadas, que diariamente no comercio veñen utilizando as bolsas que dende Acisa lles proporcionamos de forma gratuíta, e que son unha das súas maiores demandas. Nesta ocasión, por mor de ser bolsas de algodón dun maior custe, dispoñemos de menos unidades para repartir, pero podemos adiantar que a partires de xaneiro chegará unha nova remesa para que os nosos negocios dispoñan delas durante todo o ano”.

Carmen Cruzado agradeceu “a colaboración de todas as administracións coas que contamos e traballamos desde Acisa, a través de subvencións como esta da Dirección Xeral de Comercio, de convenios ou de acordos e proxectos, que sempre buscan o apoio ao tecido empresarial ribadense e sobre todo a súa dinamización económica. Neste caso falamos da orde de axudas do proxecto Comercio Circular para a promoción da sostibilidade ambiental”.

E engadiu que “na directiva de Acisa estamos moi satisfeitos de poder seguir ofrecendo diversidade de materiais ás nosas empresas, xa que sempre son moi demandados e moi ben recibidos. Aqueles asociados e asociadas que desexen estes materiais, falamos neste caso das bolsas reutilizables para o comercio, poden solicitalas dende hoxe e ata o 1 de decembro. E poderán comezar a recollelos nas oficinas de Acisa, na rúa San Roque, 57-baixo,  de 9:30 a 14:30 horas ou de 15:30 a 17:30 horas”.

Na presentación desta nova tirada de bolsas para os comercios de Acisa participaron Carmen Cruzado, Trinidad Otero e Jesús Pérez.