O Concello de Barreiros organiza para os días 24 e 25 de novembro, domingo e luns, actividades polo Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, nas que convidan a toda a veciñanza a participar.
Este domingo, día 24 de novembro ás 18:00 horas no centro sociocultural de San Cosme terá lugar a proxección do documental "En deuda con todas. A loita pola despenalización do aborto no Salvador. O dereito a decidir sobre os nosos corpos. Cuestión de xustiza". Logo da proxección seguirase cun espazo de reflexión para coñecer as distintas realidades e contextos sobre os dereitos sexuais e reprodutivos, particularmente de persoas integrantes dalgún colectivo, organización ou movemento de mulleres, feminista e LGBTIQ+. Esa mesma tarde, no centro sociocultural, inaugurarase a exposición fotográfica "Elas deciden: mulleres do mar de El Salvador e Galicia tecendo redes". Esta mostra “visibiliza o papel das mulleres na pesca artesanal en Galicia e El Salvador, destacando a súa capacidade de iniciativa e participación nun sector que, tradicionalmente é masculinizado e con sesgos de xénero en canto ao repartimento de tarefas”, explica o Concello de Barreiros.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro sinala:“quixemos contar con esta exposición que, aínda que Barreiros non ten porto pesqueiro, si ten unha longa tradición no marisqueo polo que nos gustaría poñer en valor e recoñecer o labor das mariscadoras. Con esta exposición queremos renderlles homenaxe a todas as mulleres que desenvolveron e desenvolven esta dura profesión”.
E o luns 25 terá lugar a lectura dun manifesto ás 12:00 horas na Praza do Concello, acto ao que animan a participar a toda a veciñanza.