Viveiro, O Valadouro, Mondoñedo, Ribadeo e Lourenzá serán as seguintes paradas do 31 de outubro ao 3 de novembro dos programas da Mancomunidade da Mariña: Plans e Obradoiros con Corazón.
Plans con Corazón
Na ponte festiva as rutas e visitas guiadas de Plans con corazón arrincarán o venres, día 1, co Penido, megalitismo e outras curiosidades dos altos do Valadouro da man de Boris Vilar. Os participantes terán a oportunidade de descubrir a sorprendente natureza da Serra do Xistral.
A deus rogando, co mazo dando é a ruta que o 2 de novembro discorrerá por Mondoñedo guiada por Noela Feal. Os asistentes coñecerán a historia da cidade episcopal, visitarán o barrio dos Muíños e achegaranse ao taller artesanal de Toni Arenas.
O mesmo sábado por Ribadeo terá lugar a ruta Da horta ao mar, vila comercial dan man de Carmen Delia (La Guiateca), que realizará un percorrido para descubrir o pasado e o presente do municipio e o seu impacto comercial. Os asistentes coñecerán e escoitarán a un produtor agrícola de faba.
E o domingo, 3 de novembro, a ruta Lendas, paisaxe e cultura discorrerá por terras de Lourenzá con Carmen Delia. O Camiño de Santiago, o Mosteiro de San Salvador ou a figura de Fernández del Riego serán os protagonistas da xornada.
Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nestas actividades. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-planes-con-corazon.
Obradoiros con Corazón
E esta semana o xoves 31 de outubro arrinca a nova iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense: Obradoiros con corazón, que foi presentada hai uns días en Mondoñedo. Está destinada a xerar un novo programa de posta en valor da actividade artesanal no destino e atraer un turismo desestacionalizado, mediante a creación de experiencias inmersivas que acheguen ás persoas visitantes e á poboación local á rica tradición artesanal da comarca.
Durante esta ponte desenvolveranse catro dos seis obradoiros programados.
-Iniciación á cerámica contedora de alimentos con Regal Cerámica, en Viveiro., que terá lugar o 31 de outubro de 17.00 a 19.00 horas para público familiar. Aforo completo.
-A animalidade benéfica con Miratú, en Mondoñedo, que será o 2 de novembro de 11.00 a 13.00 horas para público familiar. Aforo completo.
-Un garda lentes moi persoal con Raíces Nómadas, en Ribadeo. Tamén o 2 de novembro de 17.00 a 19.00 horas para público adulto. Aforo completo.
-E Marioneta co Fantástico Taller dos Títeres, en Mondoñedo, prevista para o 3 de novembro de 11.00 a 13.00 horas para público familiar. Prazas dispoñibles.
Desde a Mancomunidade animan á xente a desfrutar das diversas opcións e propostas que existen na Mariña e que permiten coñecer en detalle o territorio da man de expertos guías e anfitrións; especialmente durante esta ponte festiva así como para organizar unha viaxe curta durante este outono.
Actividades da pasada fin de semana
Pola parroquia de Lieiro, en Cervo, Onde se unen o liño e o mar discorreu unha das rutas da pasada fin de semana, que contou coa participación de 13 persoas procedentes de Burela, Ribadeo, Viveiro, Lourenzá, Foz e A Coruña. Esta foi guiada por Noela Feal. E Sabor a mar, en Foz, foi a ruta conducida o domingo por Ana Pena á que acudiron 8 persoas chegadas de Foz, Burela, Lourenzá, Lugo, Madrid e Valladolid.