A Deputación de Lugo vén de arrancareste martes a segunda quenda de viaxes da cuarta edición do programa Coñece a túa provincia.Faranse excursións gratuítas dun día os martes, mércores, xoves e venres, nas que participarán preto de 1.600persoas de 69 entidades da provincia ata o 31 de outubro.
As primeiras entidades en desfrutar desta nova quenda de viaxes son aasociación de veciños Alexandre Bóveda Paradai, de Lugo, e a asociación veciñal Penas de San Xoán de Alaxe, do Valadouro. Os da capital visitaron o Mazo de Santa Comba e achegáronse a Sober e Monforte de Lemos, mentres que o colectivo mariñán coñeceu o traballo que se leva a cabo na Granxa Gayoso Castro, e o concello de Negueira de Muñiz.
O Coñece a túa provincia vai xa pola súa cuarta edición, dividida en dúas quendas. A primeira desenvolveuse durante a primavera, entre os meses de xuño e xullo, e contou con 250 viaxeiros de 11 asociacións.Agora arranca a segunda, que se prolonga ata finais de outubro, e están anotadas un total de 1.587 persoas de 69 colectivos de toda a provincia.
A Deputación continúa con este programa gratuíto,que desde a súa posta en marcha no mandato pasado,ten sido un éxito rotundo temporada tras temporada, tanto na participación como no impacto positivo para os sectores económicos da hostalería e o comercio nos municipios nos que se realizan as viaxes.Ademais, promóvese a actividade en meses nos que os negocios e recursos turísticos teñen menos fluxo de visitantes, o que dinamiza este sector tan importante para a economía da provincia de Lugo.
A iniciativaprovincial está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.
Turismo de proximidade
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliñou a importancia deste programa, que "representa unha aposta firme da Deputación por impulsar o turismo de proximidade. Con esta iniciativa, buscamos poñer en valor o noso patrimonio natural, cultural e histórico, ofrecendo aos nosos veciños e veciñas a oportunidade de redescubrir os recunchos máis fermosos da nosa provincia”.
“Queremos que os nosos veciños e veciñas coñezan e gocen das paisaxes, rutas, e tradicións que fan única a nosa terra, converténdose en embaixadores do noso destino turístico. Este programa non só fomenta o orgullo e a identidade local, senón que tamén ten un impacto directo no apoio á economía dos pequenos negocios e establecementos do rural, que dependen do turismo para o seu desenvolvemento”, afirma García Porto.
Nas palabras da Deputada de Turismo, en tempos nos que o turismo de proximidade cobra máis relevancia que nunca, “o Coñece a túa provincia é unha oportunidade excepcional para dinamizar o sector, garantindo que a nosa riqueza turística chegue a todos os recunchos e xerando un efecto positivo en toda a provincia. Ademais, esta iniciativa está pensada para ser inclusiva, accesible para todas as idades e adaptada a diferentes intereses, desde o turismo natural ata o cultural ou o gastronómico”.