Cervo celebrará as festas na honra da Nosa Señora, San Roque e o Carme, do 14 ao 17 de agosto, cando terá lugar a Queimada Popular, festa declarada de Interese Turístico Galego, organizada por Airiños do Xunco.
A cita foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; pola tenente alcalde Mali Méndez; e por unha representación da Asociación Cultural Rego Cachón, que organiza as festas patronais; e de Airiños do Xunco, que se encarga da Queimada e tamén da Festa do Ovo Frito, xunto á asociación Cabaleiros da Bidueira.
Os festexos arrincarán o mércores 14 de agosto con esta popular Festa do Ovo Frito que contará coa actuación da Charanga Europa e da Discomóbil Conxuro.
Xa o xoves 15 de agosto ás 13:00 horas está prevista a misa solemne cantada polo Coro de Cervo, seguida de procesión con Fol do Raxal. A continuación haberá sesión vermú a cargo da Orquestra Galaxia, que repetirá na verbena á noitiña xunto ao dúo Vivarium. Como novidade ese día haberá tamén gastronomía, coa Festa do Bolo Preñado a partir das 20:30 horas.
O venres 16 de agosto a misa solemne será ás 12:30 horas e tamén estará cantada polo Coro de Cervo, seguida de procesión con Fol do Raxal. A continuación haberá sesión vermú co grupo Superstar, que repetirá na verbena da noite. A partir das 20:30 horas celebrarase a Festa dos Torresmos de Porco Celta.
Xa o sábado 17 de agosto terá lugar a XLVI Queimada Popular de Cervo, organizada por Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello, que contará con mercado tradicional xa desde pola mañá, a partir das 10:00 horas. Ás 13:00 horas será o desfile de autoridades pola aldea, que se encargarán de dar o pregón da Festa, acompañados polo grupo Medio Quiñón, de Burela. A partir das 23:00 horas será o desfile da comitiva que partirá das Escolas Vellas de Cervo ata a Praza do Souto, onde terá lugar a tradicional representación protagonizada polas forzas do ben e do mal. Ao remate servirase Queimada e actuarán Ruxe Ruxe, a Charanga Eravisto e ao Discomóbil Conxuro.
O Concello anima a veciños e visitantes a gozar destas festas, que “reúnen cada ano a veciños, amigos e familia nunha contorna única como é o núcleo de Cervo”.