O Concello de Cervo organiza a XXXVII edición da Festa da Maruxaina, que se celebrará o sábado 10 de agosto. A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, os concelleiros Mali Méndez, Alfredo Fernández e Adrián Arias, e por unha representación da asociación Amigos da Maruxaina, que se encarga da pre-maruxaina, e tamén do xuízo a medianoite, e representantes da asociación a Anxuela, nunha festa na que tamén colaboran Mar de San Ciprián, que organizará os Xogos Populares na Praia, e Mulleres de San Ciprián, que colabora na venta das tazas e das camisetas personalizadas na caseta que se instalará na Praza dos Campos.
Ese día 10 serán os actos centrais, pero xa o venres terá lugar a Pre-Maruxaina co gran chupinazo ás 19:00 horas na Praza Nardo Martínez, seguido da concentración de Maruxainos e Maruxainas, onde haberá degustación de empanadas típicas galegas e bolos preñados. Ás 21:00 horas está previsto o nomeamento do Maruxaino ou Maruxaina de Honra 2024, a cargo da Asociación Amigos da Maruxaina.
Xa o sábado, 10 de agosto, será o día grande, que estará animado desde primeira hora polo ritmo de diferentes charangas e gaiteiros. Ás 11:00 horas será o chupinazo e a xuntanza de Maruxainos e Maruxainas está prevista para as 12:00 horas, na Praza Nardo Martínez, que iniciarán o paseo polas rúas do pobo ao son das gaitas e os cornos. Ás 12:30 horas arrincará o ritmo das charangas que percorrerán San Ciprián durante todo o día. Nesta ocasión serán a Charanga Carmiña, a Charanga Tambukada, a Louband Street Band e Mekánika Rolling Band. Á tardiña, ás 18:30 horas, están previsto o inicio dos xogos populares na Praia do Torno, organizados por Mar de San Ciprián coa colaboración do Concello. Xa ás 23:00 horas será o desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Durante o traxecto as persoas asistentes poderán gozar dun espectáculo de fogos de artificio. Ás 00:00 horas será o gran xuízo popular, organizado por Amigos da Maruxaina, amenizado polo grupo folklórico Mistura, seguido dunha degustación de balde de queimada na Praza dos Campos. A continuación, haberá verbena coas orquestras Arizona e Kalima 3.0.
Desde o Concello de Cervo animan a veciños e visitantes a desfrutar desta Festa declarada de Interese Turístico Galego, que “é un reflexo da conexión histórica de San Ciprián co mar, sempre avogando por unha celebración na que a diversión sexa o máis sa e harmónica posible, mantendo o espírito orixinal da festa”.