Barreiros acollerá a programación musical Sons do Emigrante desde o 29 de xullo ata o 3 de agosto
O Concello de Barreiros anuncia que “chega a semana do Festival do Emigrante e, para ir abrindo boca, preséntanse os Sons do Emigrante, unha programación de actuacións durante a vindeira semana que finalizará co prato forte do XLI Festival Internacional do Emigrante 2024, o 3 de agosto. O Sons do Emigrante comezará o luns 29 no exterior das escolas de Reinante con dúas propostas internacionais, arpa e voz de Francia e folk galés, Frédéric Bougouin e Rholben, que deleitarán no solpor barreirense. O mércores 31 o grupo veciño Kornucopia actuará na praza do Souto, de San Miguel, coincidindo coa presentación do Festival. Mesmo lugar no que o venres será o turno da Foliada do Emigrante, organizada pola Agrupación Folclórica O Arco da Vella que chega xa á súa décimo segunda edición”.
O Sons do Emigrante conta co financiamento do Concello de Barreiros e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e nace, segundo o concelleiro e deputado provincial Dani García, "co fin de complementar o Festival con outras propostas previas e podelas disfrutar durante toda a semana en lugares estreitamente relacionados coa emigración".