Alfoz acolle dous espectáculos do festival de narración oral Atlántica esta semana, o venres 5 e o sábado 6. Ambos serán no Castelo de Castrodouro ás 21:00 horas con entrada gratuíta.
O venres a compañía en Branca e Negra, formada por Amor Herrera e Cris de Caldas, ofrecerá unha proposta para adultos heteroxénea e composta por elementos da narración oral, do teatro e da música en directo; un espectáculo que lles rende homenaxe ás persoas migrantes, ás de antes e ás de agora. Nesta función levaran ao público de viaxe no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia de non perder a memoria e da riqueza da diversidade cultural. As dúas pensan que rememorando o pasado, entenderase mellor o presente e respectarase o futuro porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e de volta, coma a vida mesma.
E o sábado o contador José Luis Gutiérrez, máis coñecido como Don Guti, invita ao público a participar nun espectáculo onde o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria.