O Concello de Foz promove “lecturas con orgullo” e mostra orgulloso as cores da bandeira LGTBI, que os edificios municipais mostran en balcóns e ventás.
A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, destaca que “o 28 de xuño é un día no que sentirnos orgullosos, no que debemos defender a igualdade para calquera, do xeito que se sinta, sexa ou queira ser.” Anuncia tamén que nos vindeiros meses se programarán diferentes actividades desde a área xa que “non só este día é o do orgullo senón que debemos sentirnos orgullosos sempre. E para iso o máis importante é educar nuns valores nos que prevalezan, por enriba de todo, a igualdade e o respecto”.
Dende a delegación de Cultura, no departamento de biblioteca, programouse unha mostra bibliográfica na que se expoñen libros para infantil e adulto sobre temática de igualdade, LGTBIQ+, etcétera. “Para nós o máis importante é a educación en liberdade, que falemos de persoas, síntanse como se sintan, e que sempre estean arroupadas, representadas e sobre todo que exista unha normalidade total ames a quen ames ou sexas o que sexas”, explica Inés López Couto, concelleira de Cultura.
O Concello de Foz está orgulloso da liberdade e diversidade no seu pobo e pide respecto para todas as persoas, especialmente nunha data coma esta, para o colectivo LGTBIQ+.