A primeira edición do Valadouro Rock congregará a nove bandas do panorama nacional e galego en Ferreira do Valadouro o próximo sábado 22 de xuño.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou este martes na presentación do programa na Delegación Territorial xunto cos promotores do festival, Agustín Claverol e Sergio Rubio. Os grupos que integran o cartel son OBÚS, Gigatron, Vita Imana, Miguel Costas, Strikeback, Leather Boys, Materia Muerta, Drunken Buddha e SKÜLD.
O evento contará con zona de acampada e food trucks gastronómicos. Para facilitar os desprazamentos a organización habilitará un servizo de buses dende Viveiro que pararán en Xove, San Cibrao, Cervo, Burela, Cangas de Foz e Foz.
Os pases poden adquirirse on line ata este xoves na web do festival. Tamén están á venda entradas físicas no estanco da praza de Santa María, en Ferreira do Valadouro; e o mesmo día poderán retirarse en taquilla. Segundo explicaron os organizadores, haberá descontos para os residentes no Valadouro e Alfoz.
Arias gabou o traballo da organización para ofrecer “unha proposta deste nivel que terá un impacto positivo na economía do Valadouro”, ao tempo que “contribúe a diversificar a oferta turística na Mariña e a dar a coñecer toda a riqueza da zona”.
O cartel do festival tamén foi presentado polo deputado provincial de Mocidade, Daniel García, e o tenente alcalde do Valadouro Eduardo Chao, acompañados polos seus promotores Agustín Claverol e Sergio Rubio.
A actuación da banda de heavy metal Obús -en xira polo corenta aniversario – con Fortu Sánchez á cabeza encabezan un cartel que tamén conta con outra figura de referencia como o fundador e exvocalista de Siniestro Total Miguel Costas.
Os valencianos Gigatron -recoñecidos polo seu rock humorístico -, Vita Imana, Strikebak, Leather Boys, Drunken Buddha ou Sküld nutren unha proposta que apela a distintas xeracións de amantes do rock e que reivindica tamén os grupos locais cos ribadenses Materia Muerta.
Daniel García mostrou o seu apoio “a esta iniciativa, que amplía e diversifica as propostas culturais e musicais da Mariña no verán” e destacou “a vontade expresada polos promotores de mostrar e proxectar o patrimonio natural e histórico do Valadouro a través da música”
O tenente alcalde do Valadouro e responsable de Cultura valorou “a aposta da organización polo Valadouro para poñer en marcha este festival, que dará a coñecer o concello a un público novo, que viaxa movido pola música” e que “terá un impacto positivo tamén na hostalería e no comercio local”.
O recinto do festival, baixo a etiqueta de “festival amigo”, contará tamén con stands doutros festivais da Mariña e do Occidente asturiano, xerando sinerxias tanto a nivel de promoción musical como de público.