A parroquia focense de Vilaronte celebra as súas festas patronais do San Xoán os días 15, 21, 22 e 23 de xuño. Serán no atrio da igrexa, onde se instalará unha carpa.
Este sábado, 15 de xuño, ás 19:00 horas terá lugar o XLVI Festival Folclórico Infantil da Agrupación O Feitizo, no que actuará tamén o grupo de O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante. Despois haberá pregón a cargo de Pilar Arias Villajos e a continuación churrascada popular e verbena amenizada polo dúo Os Trasnos.
O venres 21 desde as 22:30 horas haberá verbena a cargo do grupo Montreal.
O sábado 22 ás 13:00 horas celebrarase misa solemne e despois procesión e sesión vermú co grupo Mar da Arousa, que tamén amenizará a verbena xunto coa orquestra Los Satélites.
E o domingo 23 ás 13:00 horas celebrarase misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Foz e despois procesión e sesión vermú coa orquestra Principal, que amenizará tamén a verbena de tarde desde as 18:00 horas.
As festas de Vilaronte están organizadas pola Asociación Cultural O Atrio.