Este luns abre o prazo de solicitude das bolsas para pilotos de rally que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As achegas están dirixidas a deportistas federados nalgunha das federacións oficiais de automobilismo, de calquera categoría, nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña e vehículos históricos, e con residencia na provincia.
As bolsas oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, dacordo cos resultados acadados polas persoas solicitantes nas probas disputadas nos campionatos galegos, estatais e internacionais, do posto acadado na clasificación xeral do Campionato Galego e da participación nas probas do Campionato Galego que se disputan na provincia de Lugo – Rally da Mariña, Rally San Froilán, Subida a Chantada e Subida á Pontenova, tal e como se recolle nas bases dispoñibles, xunto aos formularios de solicitude, na páxina web da Deputación de Lugo. O prazo de solicitude está aberto ata o 26 de abril, incluído.
O vicepresidente da Deputación e responsable de Deportes Efrén Castro sinalou que esta liña de axudas pretende “apoiar unha modalidade deportiva moi esixente economicamente, sobre todo para as persoas que se inician nela e que teñen máis dificultades para optar a patrocinadores privados”.
Esta liña de axudas inscríbise nas accións que se desenvolven desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para a promoción do automobilismo, entre elas, o apoio económico ás probas do circuíto galego que se celebran na provincia e o Volante Deputación, un evento que se celebra cada ano no circuíto da Pastoriza e que promove a formación e dá oportunidades de incorporarse á competición a novos talentos.