O Concello de Mondoñedo organiza o desfile de Entroido para o 17 de febreiro, sábado, a partir das 17:30 euros. Repartiranse 5.000 euros en premios.
Todos os participantes poderán anotarse no correo entroidomindoniense@gmail.com ou no teléfono 982.50.71.77. O prazo máximo para inscribirse será ata as 12 horas do venres 16 de febreiro. Á hora de inscribirse facilitaranse os seguintes datos: nome e DNI completo da persoa representante, nome do disfrace e un teléfono de contacto. Os dorsais deberán ser recollidos entre as 16 e 17 horas do sábado no edificio municipal do Campo dos Paxariños (antiga oficina de Emprego). Ás 17 horas, os disfraces deberán estar preparados para atender ás indicacións da organización e proceder ao seu posicionamento no desfile, para que discorra coa máxima orde posible e cumprir co horario previsto. No Campo dos Paxariños e Avenida San Lucas estará prohibido poñer música e facer ruído ata a saída do desfile.
O desfile sairá do Campo dos Paxariños ás 17:30 horas e percorrerá a Avenida San Lucas e as rúas Bispo Sarmiento, Andrés Baamonde e Progreso para finalizar na Praza da Catedral.
As comparsas e charangas gardarán unha entidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación. Considérase categoría infantil todos aqueles participantes menores ou iguais a 12 anos de idade. No apartado de grupos infantil polo menos a metade dos seus compoñentes deberán ser menores ou iguais de 12 anos de idade, podendo ir acompañados de varios maiores disfrazados. Os grupos de adultos poderán anotarse en dúas categorías en función do seu tamaño: ata 10 ou máis de 10 membros. Os grupos que concorran acompañados dunha carroza deberán cumprir as seguintes dimensións para poder desfilar polas rúas da cidade: 2,5 metros de ancho, 7 metros de longo e 4 metros de alto.
O xurado cualificará tanto nas rúas como na propia praza da Catedral, onde todos os participantes poderán interpretar a actuación que teñen preparada, de ser o caso. No que respecta a grupos e comparsas o tempo de actuación na praza da Catedral non poderá ser superior aos 5 minutos. Á hora de conceder os premios valoraranse aspectos coma a orixinalidade, vestiario, calidade musical, capacidade de representación, sustentabilidade co medio ambiente, etcétera.
Na entrega de premios é necesario que cada premiado recolla o premio co seu disfrace ou unha parte do mesmo que o identifique. É imprescindible que os disfraces, grupos ou comparsas estean no lugar de entrega, polo menos unha parte dos seus compoñentes, quedando deserto no caso de incumprimento. O importe dos premios enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre as persoas físicas.
As decisións da organización son inapelables, tendo potestade para tomar calquera tipo de decisión.
Recoméndase aos concursantes actuar con respecto e evitando ferir a sensibilidade de persoas, maltrato animal ou desobedecer as indicacións da organización.
O importe do premio non se entregará en metálico, senón a través de ingreso bancario. Por tanto, solicítase que os disfraces gañadores aporten un número de conta bancaria para poder efectuar o ingreso correspondente. No caso dos menores, serán os pais, nais ou titores os que deberán aportar o número de conta.
Na presente edición, de xeito excepcional, ao celebrarse o desfile en día de reflexión, previo ás eleccións ao Parlamento de Galicia, para cumprir coa normativa electoral non se permitirán proclamas políticas de carácter partidista de calquera índole nin descualificacións que poidan considerarse fóra da norma da xornada de reflexión.