O Concello de Cervo organiza unha nova edición do obradoiro de teatro Pimpín, que dará comezo en novembro. Está dirixido ás crianzas de 6 a 12 anos. Terá lugar os martes e os xoves de 18 a 19 horas na Casa da Cultura en San Ciprián, onde se poderán realizar as inscricións.
Desde o Concello sinalan que “levamos moitos anos apostando polo teatro para as crianzas, como ferramenta pedagóxica para o seu desenvolvemento integral nesta etapa na que comezan a construír a súa propia personalidade. O teatro é unha disciplina moi completa que lles axuda a socializar, mellora a súa concentración, e tamén potencia as súas habilidades comunicativas e a súa autoestima; entre outros moitos beneficios”.