A sétima edición do Trail Monte Comado foi presentada polos membros da Asociación Praias de Comado xunto con Daniel García, concelleiro de Dinamización en Barreiros e deputado provincial, como representantes das entidades organizadoras da mesma. Tamén estivo presente o xefe territorial de deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero.
Esta carreira é a quinta proba da presente edición do +kmBarreiros, promovido polo Concello para promocionar todas as carreiras que se realizan no termo municipal.
A cita co trail Monte Comado será o vindeiro 15 de outubro, con dúas probas de 12 e 26 quilómetros.
A saída e chegada das carreiras será na praza do Souto en San Miguel de Reinante.
A proba de 26 km sairá ás 9:30h e ten 1600 metros de desnivel positivo polos montes Penabor e Comado, pasando por sitios tan emblemáticos como o Santo Estevo do Ermo e a súa fervenza.
A carreira de 12 km sairá unha hora máis tarde, e neste caso subirá ao monte Comado salvando un desnivel positivo de 700 metros.
O prazo de inscrición finaliza o vindeiro xoves 12, podendo realizarse -ou recibir máis información- na páxina web do circuíto https://maiskmsbarreiros.gal/ e na da propia da carreira, https://mediokmverticalmontecomado.jimdofree.com/
Ao finalizar as carreiras terá lugar a entrega de trofeos e ofrecerase un pincheo para todas as persoas participantes.
Un dos grandes alicientes desta cita deportiva son as espectaculares vistas das que se pode desfrutar durante gran parte do percorrido: a Barranca, Santo Estevo, Penabor e especialmente Monte Comado que da nome á proba.