Haberá actividades para todos os públicos, animación musical nas rúas, o tradicional desembarco e xuízo popular á Maruxaina, gran queimada popular e verbena
Haberá un posto de seguridade e instalarase un Punto Lila
O Concello de Cervo organizará un ano máis e celebrará a XXXVI Festa da Maruxaina o sábado 12 de agosto.
A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, a tenente alcalde, Mali Méndez, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, o concelleiro de Emprego e Formación, Alfredo Fernández, e por unha representación da asociación Amigos da Maruxaina, que se encarga da pre-maruxaina e do xuízo a medianoite.
Ese día 12 serán os actos centrais, pero xa o venres terá lugar a Pre-Maruxaina co gran chupinazo ás 19:00 horas, seguido da concentración de Maruxainos e Maruxainas na Praza dos Campos, onde haberá degustación de empanadas típicas galegas e bolos preñados. Ás 21:00 horas está previsto o nomeamento do Maruxaino ou Maruxaina de Honra 2023, a cargo da Asociación Amigos da Maruxaina.
Xa o sábado, 12 de agosto, será o día grande, que estará animado desde primeira hora polo ritmo de diferentes charangas e gaiteiros.
Xa ás 23:00 horas será o desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Durante o traxecto as persoas asistentes poderán gozar dun espectáculo de fogos de artificio.
Ás 00:00 horas será o gran xuízo popular, seguido dunha degustación de balde de queimada na Praza dos Campos.
A continuación, haberá verbena na Praza dos Campos
Este mesmo venres, ademais, o Concello de Cervo celebrou a Xunta Local de Seguridade para acabar de perfilar o operativo da Festa.
Na Xunta, que estivo presidida pola rexedora, Dolores García Caramés, participou tamén a subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez, a tenente alcalde, Mali Méndez, o edil de Seguridade Cidadá, José Manuel Balseiro, o responsable do GES, a Policía Local, representantes da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, e da Policía Autonómica. A xunta centrouse no dispositivo de seguridade da Maruxaina pero tamén se abordaron cuestións relativas á seguridade cidadá do noso municipio.
Desde o Concello de Cervo animan a veciños e visitantes a desfrutar desta Festa declarada de Interese Turístico Galego, que é un reflexo da unión de San Ciprián co mar. Traballamos –engaden- para que a harmonía reine no pobo durante a celebración dunha festa na que as tradicións familiares se mesturan coa xente nova.