presentouse na área recreativa da Veiga, en Muras, a sexta edición do Trail das Bestas, que se celebrará o vindeiro sábado 15 de xullo e que conta coa colaboración do Concello de Muras a través do Plan Único da Deputación de Lugo.
265 persoas anotáronse para facer a proba, que ofrece catro modalidades de participación: unha maratón de 43 quilómetros, un percorrido de 27 quilómetros, outro de 14 quilómetros e unha andaina, cunha distancia tamén de 14 quilómetros.
O escenario -a Serra do Xistral- é o elemento diferenciador desta carreira de montaña, que é unha referencia no calendario galego. Nesta edición, os percorridos das probas de distancias menores deseñáronse co obxectivo de poñer en valor ese espazo natural emblemático.
A loxística da proba concentrarase na contorna da área recreativa da Veiga, que reúne todos os servizos para as persoas participantes e acompañantes, con espazo dispoñible para aparcamento de turismos e caravanas e piscina.
O alcalde de Muras Manuel Requeijo sinalou que “para o Concello de Muras é un éxito chegar a esta sexta edición e cunha participación tan elevada. O deporte é unha actividade transversal, que permite que as persoas participantes coñezan o noso concello, as nosas paisaxes, que valoren e valoremos os espazos naturais cos que contamos. Durante toda a fin de semana xenérase unha actividade que dinamiza e contribúe a seguir proxectando o concello”.
No acto, participou tamén a tenente alcalde e responsable de Deportes de Muras Paula Gómez Souto e o responsable da organización do evento, Pablo López (Marmar Outdoor), que prognosticou unha edición disputada pola presenza de corredoras e corredores que veñen destacando noutras probas de trail como Pablo Vecino, José Santiago, David Senra, Ramón Varela, Fátima López, Lidia García ou Matilde Vázquez.