O complexo cultural Regalxunqueira de Viveiro acolle a exposición de pintura e fotografía Sobre as nosas cabezas de Cristina Castro.
A mostra presenta un recorrido que nace en 2005 en Guinea Bissau, onde a imaxe das mulleres africanas porteando na súa cabeza, devolve á autora a Galicia que, na súa memoria infantil, visualiza imaxes das súas avoas cargando na cabeza. Dende entón comeza a profundizar nesa imaxe desde o punto de vista sociolóxico e artístico. Cristina Castro comeza deste xeito un proxecto de investigación de onde nacen os retratos fotográficos que mostra nesta exposición con mulleres de Cabo Verde, Brasil, Haití, República Dominicana, Galicia e India, na busca de nexos común entre a muller que portea en diferentes culturas tan distantes.
Sobre as nosas cabezas tamén presenta pinturas nas que visibiliza a afrodescendencia e o seu gran legado en América Latina así como o racismo que aínda está presente.
Cristina Castro comeza a súa formación artística en Galicia pero posteriormente os seus estudos e experiencia laboral están vinculadas á intervención e investigación social que reflicte nas súas pinturas. Vive en diferentes países de América Latina e África e actualmente reside no concello de Ourol onde está creando o proxecto cultural AlasRaíces.
A mostra pode visitarse ata o 13 de xullo de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas e os sábados de 10:30 a 13:30 horas.