Mariña Patrimonio organiza o 1 de outubro unha visita polo patrimonio cultural do Valadouro.

Mariña Patrimonio organiza para o próximo sábado, 1 de outubro, unha visita polo patrimonio do Valadouro, que terá como fío condutor os cultos precristiáns á fertilidade. Nesta saída a organización contará coa colaboración do dramaturgo Xesús Pisón, que fará de guía durante todo o percorrido. Está previsto visitar, en xornada de mañá, a Igrexa de Santa Cruz, a Igrexa de Bacoi e o Pazo de Carrocide (Lagoa) e, en xornada de tarde, a capela de Santa Filomena (O Cadramón) e a Pedra Abaladoira (O Pereiro).

Aínda que a data límite para apuntarse remata o 27 de setembro, cómpre facelo canto antes para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen. Para máis información e coñecer os detalles desta visita ao Valadouro, pódese consultar o blog de Mariña Patrimonio http://mrpatrimonio.blogspot.com