Os locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo gozarán dunha ampliación de 2 horas mais sobre o seu horario habitual de licenza, grazas ao permiso tramitado pola patronal ribadense.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo o xerente, Jesús Pérez, explica que “no día de hoxe vimos de recordar aos nosos asociados a resolución do Concello de Ribadeo pola que os hostaleiros membros de Acisa contarán con 2 horas máis de autorización para poder traballar nas principais datas destes festexos da localidade. Grazas a esta autorización, tramitada por Acisa, estamos a falar de que nas madrugadas dos días 2 ao 3, do 3 ao 4, do 4 ao 5, do 5 ao 6, do 6 ao 7, do 7 ao 8, do 8 ao 9, do 9 ao 10 e do 10 ao 11, é dicir toda a semana de festas patronais mais o seguinte fin de semana, os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas de 06:00 a 08:00; e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada”.
E engade: “parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo os nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas os días nos que haxa verbena. Deste xeito os mozos e mozas e os que non o son tanto poderán desfrutar de mais horas de troula na nosa hostalaría”.
Pérez Prada subliña que “desta ampliación horaria pódense beneficiar unicamente os asociados de Acisa Ribadeo, xa que nos encargamos dende a entidade de xestionalo. A Policía Local conta co listado dos establecementos que poden gozar desta ampliación horaria que son, como digo, os socios de Acisa, así como con copia da autorización emitida”.
Dende Acisa Ribadeo o seu xerente subliña “a importante colaboración e aposta feita por Acisa nestas festas patronais, aportando financiamento e actividades de cara ao programa e brindándolles a nosa colaboración e achegando servizos propios coma esta ampliación horaria. Queremos aproveitar para felicitar as festas a todos os nosos veciños e veciñas”.
Campaña para a volta ao cole
Carmen Cruzado, presidenta de Acisa Ribadeo explica “xa temos lista a programación de setembro e estamos a traballar na do último trimestre deste 2022. Setembro, enfocámolo principalmente na nosa campaña para a Volta ao Cole con Acisa”.
Cruzado Iglesias indica que “hoxe presentamos a campaña para a Volta o Cole coa que pretendemos recordarlle á veciñanza que non hai mellor lugar para facer as compras desta tempada que no comercio local de Ribadeo. As cores do outono xa están a encher os escaparates do comercio local, onde encontrarán todo o que necesitan como roupa, calzado, material escolar, electrónico.Todo está preparado para recibir á nova estación con toda a moda desta nova tempada”.
A presidenta de Acisa subliña: “a importancia de mercar nos establecementos locais, onde nos ofrecerán un asesoramento e un trato próximo e personalizado”.
Esta campaña de esta cofinanciada polo Concello de Ribadeo.
Carmen Cruzado engade que “neste mes de setembro, un ano mais seremos colaboradores coa media maratón que organiza a Concellaría de Deportes de Ribadeo, convencidos de que este evento é un moi bo escaparate para a nosa vila, e que crea un bo fin de semana de actividade económica”.