O deputado Efrén Castro, o tenente alcalde de Foz Xavier Fanego, a concelleira de Mocidade de Foz Gema Méndez e o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira inauguraron este mediodía a mostra “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa Rosalía”, que se poderá ver na Praza de Galicia ata o vindeiro 22 de agosto.
A exposición, promovida pola Fundación Rosalía de Castro, celebra o medio século da apertura como museo da Casa da Matanza de Padrón, onde a escritora pasou os últimos anos da súa vida, en xullo de 1971, como resultado dun esforzo colectivo que implicou milleiros de persoas e institucións do país e da emigración en pleno franquismo.
"Un esforzo colectivo que uniu a todas e todos os galegos hai cincuenta anos e que nos debe seguir unindo" expuxo o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, durante a inauguración, na que agradeceu a acollida do pobo de Foz e o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á itinerancia da mostra.
O tenente alcalde de Foz, Xavier Fanego, valorou a mostra como unha oportunidade para achegarse a Rosalía como emblema "da defensa do país e da cultura" e lembrou "a presenza no primeiro padroado da Casa de Rosalía do laurentino Francisco Fernández del Riego, que será homenaxeado polas Letras Galegas de 2023".
O deputado Efrén Castro, que tamén incidiu no simbolismo de Rosalía para Galiza, enmarcou o apoio a esta exposición na programación desenvolvida pola Vicepresidencia da Deputación para difundir a figura de Rosalía con representacións teatrais, certames e pinturas murais que se desenvolven ao longo de todo o ano coa colaboración de concellos e asociacións culturais.
Durante o acto, as persoas asistentes plantaron unha camelia en homenaxe a Rosalía, que medrará na zona verde que rodea a Praza de Galicia.
A mostra, comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, evoca coa súa estrutura distintas estancias dunha casa e repasa, en seis capítulos diferenciados, a historia da adquisición, restauración e musealización da Casa da Matanza.
- A casa e o tren: o porqué da elección da morada
- Rosalía na Casa: a escritora vive alí entre 1882 e 1885
- Unha Casa santuario: as iniciativas da compra entre 1900 e 1940
- A causa da Casa: Xosé Mosquera e a compra en 1946.
- O Padroado da Casa: Galeguistas, progresistas e “ben vistos”
- A Casa de Galicia: Entre 1971 e 1972, ábrese a Casa coas achegas de miles de galegas e galegos.