Presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do torneo de fútbol sala base “Heroes do Orzán”, que reunirá na Mariña equipos de base de todo o Estado en memoria de Rodrigo Maseda Lozano, policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros.
Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano, participou no acto de presentación, xunto ao deputado de Deportes, Efrén Castro, o presidente da Fundación Indecum, Marcelino Luna, o director do torneo, Alfonso Mera, e o Comisario Principal José Esteban Corral. Tamén asistiron o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o tenente alcalde de Viveiro, Suso Fernández, e o concelleiro de Deportes de Cervo, David Rodríguez.
O torneo, que volve despois de dous anos, disputarase do 24 ao 28 de xuño en Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove, Viveiro e Foz (Marzán), unha sede compartida que procura extender pola comarca o espectáculo deportivo e o dinamismo social e económico deste tipo de citas -na que familiares e amigos acompañan a xogadoras e xogadores-, así como a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano.
A Fundación Indecum, que organiza o evento co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación, agarda uns 650 participantes: xogadores, xogadoras e técnicos dos diferentes equipos duns 55 equiposdas categorías biberón mixto, prebenxamín mixto, benxamín mixto, alevín mixto, infantil mixto, cadete masculino, cadete femenino e xuvenil masculino
No cartel do evento, destaca a ampla participación de equipos mariñáns, ademais de clubs doutros puntos de Galiza e do Estado Troula Betanzos, ED Celanova, Hércules Coruña FS, Sala Ourense,UD Las Rozas Boadilla, Valladolid Tierno Galván, EFS Siero.
A organización xestiona nestes días o aloxamento dos equipos de fóra da comarca, que se hospedarán fundamentalmente en hoteis de Viveiro, Foz e San Cibrao. Á demanda xenerada polos participantes súmase a de familiares e acompañantes, que multiplicarán o impacto económico do evento na hostelería da comarca.