O Concello de Foz, dende a súa Delegación de Cultura, dá comezo este venres á primeira edición do Certame de Teatro Afeccionado, que leva o nome dun dos seus máis ilustres teatreiros, José Luis López Lorenzo, coñecido como O Poto, xa falecido.
A concelleira Inés López Couto explica que “despois de máis de dous anos de dificultades sobrevidas pola pandemia da COVID, dende a Delegación de Cultura fíxose un chamamento ás agrupacións teatrais do concello. Foz conta con seis grupos de teatro afeccionado, que durante este tempo esforzáronse por sobrevivir e poder seguir espallando cultura e levando sorrisos a aqueles que o pasaron mal. Ao longo deste tempo organizaron representacións con menos actores e actrices, actuaron con máscara ou foron capaces de dramatizar situacións habituais que fomos vivindo coas novas normas da pandemia. Este traballo, non sempre valorado, debe poder ser desfrutado por todos e ter un nexo común, como é o deste certame”.
A edil de Cultura engade que “este ano só participan grupos locais, pero en vindeiras edicións abriremos o certame a todo mundo. Nesta primeira edición preferimos darlles todo o protagonismo aos nosos grupos locais, que fixeron todo tipo de inventos para seguir ensaiando: ata por teléfono o facían!”.
Inés López destaca que “este certame é unha maneira de dar visibilidade ao teatro afeccionado. En Foz hai unha moi importante afección a el, con seis grupos, repartidos entre as distintas parroquias do municipio, e que incluso un deles conta dunha compañía infantil. Quixemos darlle o nome de José Luis porque foi un veciño ilustre e moi querido que levaba anos formando parte da compañía da súa parroquia, que é a histórica de Foz, o grupo Axóuxeres. José Luis era un namorado do teatro e da cultura e eses son os valores que nos gustaría que foran imaxe e perduraran co certame”.
López Couto tamén anuncia o programa: “as representacións darán comezo este venres e continuarán o sábado 11 e o domingo 12, así coma na vindeira fin de semana: os días 17, 18 e 19. O lugar elixido é a Casa da Cultura e a hora, ás 20 horas, excepto a representación do venres 17, que será na Praza Conde de Fontao ás 22 horas. O venres 10 ás portas abriranse para homenaxear a José Luis López Lorenzo e contaremos tamén para iso coa presenza de Avelino González, que nos contará os seus Contos que foron chiste a partir das 20 horas na Casa da Cultura. O sábado 11 poderemos desfrutar da representación da obra A Morte Morrida, do grupo de teatro O Centiño, de San Martiño. O domingo 12 será o momento de ver O Randiña, do grupo Pico do Castro, de Foz. A vindeira semana abrirase escena con Touporroutou Teatro acompañados pola Banda de Música de Foz coa obra Temazo, tía. O sábado 18 será a quenda da Adala, de Fazouro, coa obra Vivan os noivos. E, finalmente, o domingo 19 Axóuxeres, de Vilaronte, representará Cousas de mulleres”.
A concelleira explica ademais que “este ano botaremos de menos á compañía O Batán, de Cangas, pero esperamos acollelos o ano que vén e seguir con máis forza. Dende Cultura gustaríanos agradecer a implicación dos grupos e a súa incrible disposición para comezar esta andaina e volver desfrutar do teatro en todo o seu esplendor. O certame contará con xurado e votación do público: esperamos a presenza de espectadores para gozar e valorar a calidade teatral da cultura local. Agardámosvos en Foz”.