Barreiros acollerá do 1 ao 5 de agosto o Campus da Fundación Celta de Vigo. Está destinado a crianzas de 4 a 16 anos.

Esta mañá tivo lugar no Concello de Barreiros a presentación do “Campus de Verán Fundación Celta by Cabreiroá 2022”.  Ao acto acudiron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o concelleiro de dinamización e participación veciñal, Daniel García; o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta e membros das directivas dos equipos locais que colaboran co evento cedendo as súas instalacións.

O campus está dirixido a crianzas de 4 a 16 anos do municipio ou de fóra del que poderán mellorar a súa formación futbolísticas empregando metodoloxías lúdico-educativas de adestramento da canteira do RC Celta. Todo acompañado de aprendizaxes referentes á educación integral, aos valores de compañeirismo e superación.

O campus chega a Barreiros na semana do 1 ao 5 de agosto. Do 1 ao 3 no campo de As Valgas e do 4 ao 5 no campo O Cascabeiro, en horario de 9:45 a 13:45. Terá un coste de participación de 137 euros incluíndo oequipamento completo de adestramento. Con todo, o Concello de Barreiros habilita un prezo reducido de 105 euros para todas as nenas e menos empadroados en Barreiros a data do 01/01/2022.

Segundo Dani García “o campus pretende ser a actividade futbolística de base referente en toda a Mariña no mes de agosto e está aberta a crianzas das distintas localidades ou visitantes que se atopen nesas datas na zona”.

A alcaldesa manifestou “a importancia de contar con actividades deportivas de base no municipio que axuden á educación saudable das nenas e nenos e nos valores que se deben transmitir na práctica deportiva, polo que agradece a aposta dun equipo referencia no noso País por celebrar en Barreiros un dos seus campus”.

Desde o Concello agradecen a colaboración dos dous equipos de fútbol do municipio, Celta de Barreiros e Iberia, que colaboran co evento un ano máis poñendo en valora colaboración entre distintas entidades para fomentar o deporte de base en Barreiros.

As inscricións xa están abertas, xunto con toda a información na web www.rccelta.es