O Concello de Cervo organiza esta semana un obradoiro sobre a importancia da muller na historia familiar para os dous colexios de primaria do municipio.
“As mulleres que nos constrúen”, de Tarabela Creativa, é o título deste taller, que busca indagar nas historias das orixes e como as mulleres que forman parte das nosas familias aportan e lles dan valor aos nosos relatos de identidade.
Tirando dos fíos familiares entenderán a importancia de todas e cada unha das mulleres da súa familia, como seres individuais e como parte da comunidade.
O obradoiro comezou a impartirse hoxe, e estarán ata mañá martes, no CEIP de Cervo. O mércores e o xoves será a quenda para o alumnado do CEIP Península da Paz.
As actividades incluídas no taller están dirixidas a todos os cursos de primaria. Un collage, distintas técnicas de narración oral e a creación dun relato sobre a historia das mulleres na familia son varias dos exercicios que os nenos e nenas levarán a cabo ao longo destas xornadas.
Este obradoiro está incluído no programa de actividades celebradas en conmemoración do Día da Muller, que ten lugar cada 8 de marzo.