A parroquia de Rúa celebrará, de novo, a súa tradicional Festa da Candelaria o venres 11, o sábado 12 e o domingo 13 de marzo. Son as primeiras festas patronais con verbena que se celebran no municipio desde o ano 2020.
A cita foi presentada polo alcalde, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e polos membros da comisión de festas, Alexis, Miriam e Antonio Villarquide.
A cita celébrase esta fin de semana despois de ser aprazada no mes de febreiro pola situación derivada da sexta vaga da pandemia.
Deste xeito, dende o Concello convidan a todo o mundo a asistir a esta festa na honra á Virxe da Candelaria cun programa repleto de actos que debullamos a continuación:
O venres, 11 de marzo, haberá verbena coas orquestras Fania Blanco Show e Los Satélites.
O sábado, día 12, ás 13:00 horas, celebrarase unha misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión. A continuación, haberá sesión vermú coa orquestra Miramar, que repetirá pola noite na verbena, acompañada pola orquestra Finisterre, desde as 22:00 horas.
O domingo, ás 13:00 horas, celebrarase unha nova misa solemne seguida de procesión, á que seguirá o Grupo Fénix, para amenizar a sesión vermú, que tamén protagonizará a verbena nocturna.
Tanto Villares como Caramés recordan que desde o Concello “estamos sempre a disposición da veciñanza e daquelas asociacións que precisan da colaboración desta Administración, como neste caso coa Candelaria, porque cremos que as festas patronais son historia viva do noso pobo e consideramos fundamental manter ese espírito, que sobrevive ano tras ano grazas ao laborioso traballo que fan dende as distintas comisións de festas, de xeito altruísta; un esforzo que se ten que ver recompensado cunha gran resposta por parte da veciñanza de Cervo e da contorna, que de seguro que participarán nesta Festa”.
“Vimos dunha época complicada, propiciada pola pandemia, e é unha alegría que este tipo de festividades se volvan a celebrar. Mais, ainda que cada vez nos imos achegando un pouco máis á normalidade, non lle debemos perder o respecto ao virus” engadiu o rexedor.
O campo estará cuberto cunha gran carpa para poder gozar do evento, aínda que as condicións meterolóxicas non acompañen.