O GALP A Mariña Ortegal realizará a presentación publica do proxecto audiovisual “Historia dos Estaleiros da Mariña Ortegal” mañá, 28 de decembro, as 19:00 no salón de actos da Casa de Cultura de Foz.
Esta presentación tamén pode ser seguida desde calquera outro lugar, xa que ó mesmo tempo se realizará a estrea a través da canle de youtube do Galp A Mariña Ortegal ou ben na dirección habilitada https://youtu.be/6Jtvhcnk-iE
O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer o presente e pasado da industria naval na Mariña e Ortegal, ó longo da historia; un percorrido por todos aqueles pobos e concellos costeiros que ó longo do tempo tiveron relación con esta actividade.
Desde a carpintería de ribeira e as primeiras embarcacións de madeira construídas manualmente, ata os luxosos e exclusivos catamaráns de aluminio que se constrúen na actualidade.
Trátase de por en valor a tradición pesqueira, as artes de pesca, e un oficio artesanal que forma parte da cultura e patrimonio destas comarcas mariñeiras.
O video conta coa participación de 25 persoas que nos documentan os inicios da actividade aló polo século XVI ata a actualidade, destacando a época de maior desenvolvemento a mediados do século XX.
Desde Ribadeo a Cedeira, visitaremos portos e lugares onde se desenvolveu a actividade. Falaremos cos seus protagonistas que nos relatan en primeira persoa a súa propia experiencia, sobre todo durante a segunda metade do século pasado.
Exemplos coma Foz, que na década dos 60 chegou a ter cinco estaleiros traballando, e onde se botou a principios dos 90 o barco de pesca de madeira mais grande de Europa; ou San Ciprián, onde Francisco Frá, fiel a tradición familiar desde hai séculos, mantén vivo o oficio. Celeiro, O Vicedo, O Barqueiro, a ria de Ortigueira, con Sismundi e Feás, e o museo Mares de Cedeira son outras das localizacións visitadas.
Coñeremos a actualidade do sector nos varaderos de Burela e Celeiro, a construcción en fibra no polígono de Fazouro e en aceiro e ferro en Talleres Cillero. E rematamos a nosa viaxe en Astilleros Armón, buque insignia da construcción naval en Galicia, con recoñecementos e premios internacionais.
Imaxes do arquivo de Sergio López Maseda, asi coma outras fotografías antigas cedidas polos protagonistas, forman parte do video.
O documental de 72 minutos de duración foi realizado por Arracada Producións , durante os meses de Maio a Decembro de 2021.