A Concellaría de Cultura de Ribadeo programa para este fin de semana a presentación dun libro e unha actuación de monicreques.
O domingo, 24 de outubro, ás 12:00 horas, na Casa do Viejo Pancho, terá lugar a presentación do libro titulado La naturaleza en el aula da asturiana Claudia López e a ribadense Patricia Muíña. A pedagoxía a través dos recursos próximos e cotiáns é a razón de ser da obra destas autoras.
Tamén o domingo Os monicreques de Kukas presentan Don Gaiferos. Será no Auditorio Municipal Hernán Naval, ás 20:00 horas e o prezo da entrada xeral é de 5 euros, para persoas desempregadas, estudantes e xubiladas 3€. Trátase dunha obra de teatro con monicreques de fíos e música en directo que, partindo do romance popularizado por Faustino Santalices e incorporando cancións e músicas do folclore galego, conta un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago e narra a viaxe do peregrino francés Don Gaiferos do Mormaltan. Nesa viaxe atemporal atoparase con diferentes personaxes como Exeria, un arrieiro, un demo que unha e outra vez quere desvíalo do seu camiño ofrecéndolle todo tipo de praceres mundanos, peregrinos e peregrinas procedentes de diferentes partes do mundo, os xigantes e cabezudos do Corpus de Lugo, comediantes e ate o mesmo Apóstolo Santiago.